Notas breves sobre os
estudios locais en Betanzos
ALFREDO ERIAS MARTÍNEZ
Director do Anuario Brigantino
(X-2007)
Coa chegada da democracia e da Constitución de 1978 que establece o estado das autonomías, o pobo galego sinte progresivamente a necesidade de coñecer o seu pasado. Isto é moi visible nas nosas cidades, pero tamén o é nas vilas e, en xeral, en todos os concellos de Galicia, por máis que a maioría sexan rurais.
Deixando á marxe o traballo individual de tal ou cal investigador de calquera parte, que intenta cubrir baleiros no coñecemento da súa localidade ou comarca e que os expón na prensa, en programas de festas ou a través de libros, conferencias, etc., as respostas tiveron e teñen dúas formas esenciais: 1) as dadas desde as institucións públicas, sobre todo desde os concellos (en especial, desde as Bibliotecas, Arquivos e Museos municipais), e, 2) as dadas por asociacións culturais que xermolan no pobo.
En Betanzos déronse e danse as dúas formas. Por unha parte, temos o ANUARIO BRIGANTINO, que edita o concello e, pola outra, diversas asociacións, unhas desaparecidas xa e outras vivas, que editaron e/ou editan diversos produtos de relevancia cultural.
Así, por exemplo, o Grupo Untia, que xa non existe, editou tres números de “UNTIA: BOLETÍN DO SEMINARIO DE ESTUDIOS MARIÑÁNS” os anos 1985, 1986 e 1987.
No 1992 nacía en Betanzos a Asociación Cultural Eira Vella que amosou sempre un grande interese por achegar á xente aquelas figuras da nosa cultura e da nosa historia menos coñecidas. Deste xeito, actos e homenaxes a Manuel Antonio, Antolín Faraldo, Roberto Blanco Torres ou Lugrís Freire fóronse sucedendo. O seu órgano oficial é “A XANELA: REVISTA CULTURAL DAS MARIÑAS” que, á altura da primavera de 2007 estaba polo nº 23 e sigue saíndo. Ademais editaron libros tan importantes como:
- A edición facsímile da colección completa da revista “Rexurdimento” que se publicou en Betanzos entre 1922 e 1923 e logo seguiu en Lugo.
- O “Refraneiro Agrícola Meteorolóxico” elaborado por Salvador Golpe (“Pedro de Merille”).
- O libro en facsímile “Orballeiras” do poeta Fernando García Acuña.
- Unha reedición do manifesto “Mais alá”, de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro.
ANUARIO BRIGANTINO
O Anuario Brigantino (editado polo concello de BETANZOS, A CORUÑA, GALICIA) é unha revista de investigación histórica, artística, literaria e antropolóxica de ámbito galego, á que se engade unha sección dos acontecementos do ano e das memorias das entidades culturais da cidade.
O seu fundador foi Francisco Vales Villamarín, mestre desde 1916; presidente das Irmandades da Fala de Betanzos onde no 1918 dirixiu un libro sobre os “Xogos Froraes”, verdadeiro antecedente do Anuario Brigantino; tamén foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1927 e numerario desde 1941, sendo ademais secretario perpetuo desta institución desde 1949; e cronista oficial de Betanzos desde 1940…
O primeiro Anuario Brigantino aparece no 1948 e síguelle o de 1949 e o de 1951. Neles sobresaían, por riba doutras colaboracións literarias e periodísticas, traballos de investigación histórica rigorosa que salientaban aspectos singulares do pasado de Betanzos e da comarca. O propio Vales era autor de moitos deles. Aparecían tamén ó final imaxes de acontecementos do ano na cidade. E estes elementos serviron para que a revista rexurdira de novo no 1981 co agromar da nacente democracia.
Desde ese momento sae ininterrompidamente. 1982, ano do pasamento do fundador, é de transición, sendo os directores D. Xosé Antón García G-Ledo e José Raimundo Núñez Lendoiro. E desde o Anuario Brigantino 1983, nº 6, será director Alfredo Erias Martínez, ó que pronto se unirán Xulio Cuns Lousa, como secretario e, Xosé Mª Veiga Ferreira como asesor, primeiro, e como subdirector, despois, ademais dos membros do Comité Científico, ilustres persoeiros do mundo da investigación en Galicia: Fernando Alonso Romero, Manuel Ares Faraldo, Xosé Ramón Barreiro Fernández, José Antonio Fernández de Rota y Monter, José García Oro, Antonio Meijide Pardo, José Antonio Miguez Rodríguez, Luis Monteagudo García, Carlos Pereira Martínez e Xesús Torres Regueiro.
O feito de que o director que suscribe fose o arquiveiro-bibliotecario do Concello e o director do Museo das Mariñas, fixo que desde principios de 1984, o Anuario Brigantino estivese soportado física e intelectualmente por estas institucións municipais, sendo de facto órgano das mesmas.
Hoxe en día o Anuario Brigantino (ISSN: 1130-7625) está considerado como unha das grandes revistas de investigación de Galicia no campo das Humanidades, sen dúbida a máis destacada das municipais, considerada na categoría “C-Normal” segundo valoración do Ministerio de Cultura e clasificada así mesmo pola UNESCO (080000, Multidisciplinares. Humanidades). Intercámbiase coas institucións máis importantes de Galicia e do mundo (entre elas, a Biblioteca do Congreso de U.S.A.) e os investigadores contan con separatas dos seus traballos.
O Ministerio de Cultura tena integrada na base de datos ISOC (Ciencias Sociales y Humanidades): http://bddoc.csic.es:8080/index.jsp
Forma parte tamén da base de datos da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago e, a partir da publicación do Anuario Brigantino 2006, nº 29, presentado en setembro do 2007, aparecen os seus índices e as súas portadas en internet no blog: http://anuariobrigantino.blogspot.com/
Pero aínda máis importante é que desde esa mesma data se converte na primeira revista galega do seu xénero en estar aberta en internet (consulta libre dos artigos en formato PDF) a través da páxina realizada e mantida tecnicamente por quen suscribe:
http://anuariobrigantino.betanzos.net/
A intención expresada nesta web é
que todos os números do Anuario Brigantino poidan ser consultados libremente,
se ben, debido ás dimensións do proxecto, empézase
en setembro do 2007 cos tres últimos (1.800
páxinas).