Notas breves sobre os

estudios locais en Betanzos

 

ALFREDO ERIAS MARTÍNEZ
Director do Anuario Brigantino
(X-2007)

 Coa chegada da democracia e da Constitución de 1978 que establece o estado das autonomías, o pobo galego sinte progresivamente a necesidade de coñecer o seu pasado. Isto é moi visible nas nosas cidades, pero tamén o é nas vilas e, en xeral, en todos os concellos de Galicia, por máis que a maioría sexan rurais.

Deixando á marxe o traballo individual de tal ou cal investigador de calquera parte, que intenta cubrir baleiros no coñecemento da súa localidade ou comarca e que os expón  na prensa, en programas de festas ou a través de libros, conferencias, etc., as respostas tiveron e teñen dúas formas esenciais: 1) as dadas desde as institucións públicas, sobre todo desde os concellos (en especial, desde as Bibliotecas, Arquivos e Museos municipais), e, 2) as dadas por asociacións culturais que xermolan no pobo.

En Betanzos déronse e danse as dúas formas. Por unha parte, temos o ANUARIO BRIGANTINO, que edita o concello e, pola outra, diversas asociacións, unhas desaparecidas xa e outras vivas, que editaron e/ou editan diversos produtos de relevancia cultural.

Así, por exemplo, o Grupo Untia, que xa non existe, editou tres números de “UNTIA: BOLETÍN DO SEMINARIO DE ESTUDIOS MARIÑÁNS” os anos 1985, 1986 e 1987.

No 1992 nacía en Betanzos a Asociación Cultural Eira Vella que amosou sempre un grande interese por achegar á xente aquelas figuras da nosa cultura e da nosa historia menos coñecidas. Deste xeito, actos e homenaxes a Manuel Antonio, Antolín Faraldo,   Roberto Blanco Torres ou Lugrís Freire fóronse sucedendo. O seu órgano oficial é “A XANELA: REVISTA CULTURAL DAS MARIÑAS” que, á altura da primavera de 2007 estaba polo nº 23 e sigue saíndo. Ademais editaron libros tan importantes como:

- A edición facsímile da colección completa da revista “Rexurdimento” que se publicou en Betanzos entre 1922 e 1923 e logo seguiu en Lugo.

- O “Refraneiro Agrícola Meteorolóxico” elaborado por Salvador Golpe (“Pedro de Merille”).

- O libro en facsímile “Orballeiras” do poeta Fernando García Acuña.

- Unha reedición do manifesto “Mais alá”, de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro.

 

ANUARIO BRIGANTINO

O Anuario Brigantino (editado polo concello de BETANZOS, A CORUÑA, GALICIA) é unha revista de investigación histórica, artística, literaria e antropolóxica de ámbito galego, á que se engade unha sección dos acontecementos do ano e das memorias das entidades culturais da cidade.

O seu fundador foi Francisco Vales Villamarín, mestre desde 1916; presidente das Irmandades da Fala de Betanzos onde no 1918 dirixiu un libro sobre os “Xogos Froraes”, verdadeiro antecedente do Anuario Brigantino; tamén foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1927 e numerario desde 1941, sendo ademais secretario perpetuo desta institución desde 1949; e cronista oficial de Betanzos desde 1940…

O primeiro Anuario Brigantino aparece no 1948 e síguelle o de 1949 e o de 1951. Neles sobresaían, por riba doutras colaboracións literarias e periodísticas, traballos de investigación histórica rigorosa que salientaban aspectos singulares do pasado de Betanzos e da comarca. O propio Vales era autor de moitos deles. Aparecían tamén ó final imaxes de acontecementos do ano na cidade. E estes elementos serviron para que a revista rexurdira de novo no 1981 co agromar da nacente democracia.

Desde ese momento sae ininterrompidamente. 1982, ano do pasamento do fundador, é de transición, sendo os directores D. Xosé Antón García G-Ledo e José Raimundo Núñez Lendoiro. E desde o Anuario Brigantino 1983, nº 6, será director Alfredo Erias Martínez, ó que pronto se unirán Xulio Cuns Lousa, como secretario e, Xosé Mª Veiga Ferreira como asesor, primeiro, e como subdirector, despois, ademais dos membros do Comité Científico, ilustres persoeiros do mundo da investigación en Galicia: Fernando Alonso Romero, Manuel Ares Faraldo, Xosé Ramón Barreiro Fernández, José Antonio Fernández de Rota y Monter, José García Oro, Antonio Meijide Pardo, José Antonio Miguez Rodríguez, Luis Monteagudo García, Carlos Pereira Martínez e Xesús Torres Regueiro.

O feito de que o director que suscribe fose o arquiveiro-bibliotecario do Concello e o director do Museo das Mariñas, fixo que desde principios de 1984, o Anuario Brigantino estivese soportado física e intelectualmente por estas institucións municipais, sendo de facto órgano das mesmas.

Hoxe en día o Anuario Brigantino (ISSN: 1130-7625) está considerado como unha das grandes revistas de investigación de Galicia no campo das Humanidades, sen dúbida a máis destacada das municipais, considerada na categoría “C-Normal” segundo valoración do Ministerio de Cultura e clasificada así mesmo pola UNESCO (080000, Multidisciplinares. Humanidades). Intercámbiase coas institucións máis importantes de Galicia e do mundo (entre elas, a Biblioteca do Congreso de U.S.A.) e os investigadores contan con separatas dos seus traballos.

O Ministerio de Cultura tena integrada na base de datos ISOC (Ciencias Sociales y Humanidades): http://bddoc.csic.es:8080/index.jsp

Forma parte tamén da base de datos da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago e, a partir da publicación do Anuario Brigantino 2006, nº 29, presentado en setembro do 2007, aparecen os seus índices e as súas portadas en internet no blog: http://anuariobrigantino.blogspot.com/

Pero aínda máis importante é que desde esa mesma data se converte na primeira revista galega do seu xénero en estar aberta en internet (consulta libre dos artigos en formato PDF) a través da páxina realizada e mantida tecnicamente por quen suscribe:

http://anuariobrigantino.betanzos.net/

A intención expresada nesta web é que todos os números do Anuario Brigantino poidan ser consultados libremente, se ben, debido ás dimensións do proxecto, empézase en setembro do 2007 cos tres últimos (1.800 páxinas). Pero en xaneiro de 2008 xa tiñamos 14 e seguimos.